Abel Caballero di que o Campionato de Galicia Máster, este domingo, “fará de Navia un gran circuíto pechado de ciclismo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que este domingo (10:00 horas) disputarase o Trofeo Concello de Vigo de ciclismo, unha proba que organiza o Club Ciclista Ría de Vigo-Vieirasa sobre un percorrido entre Navia, Bouzas e Samil con punto final en Navia e que contará cuns 120-150 corredores en liña de saída.

“Facemos dunha parte da cidade unha pista de ciclismo, un circuíto onde se pode practicar deporte”, apuntou o rexedor. A proba, encadrada no V Open Ibérico, contará coa participación do pelotón senior e máster 30, 40 e 50 para puntuar para a serie ibérica e tamén terá a novidade de pór en xogo por vez primeira o Campionato de Galicia Máster en contrarreloxo por equipos. “Temos un especial empeño en facer de Vigo a cidade do deporte e agora concretámolo na cidade do ciclismo”, sinalou o alcalde, quen lembrou que “esta modalidade era o deporte de referencia onde vivía e tiña gran tradición; de alí saíron moitos campións”.

O alcalde, que felicitou á organización polo seu esforzo e traballo, recibiu de mans de Fernando Domato, presidente do C.C. Ría de Vigo, un obsequio, a camisola de líder da categoría Máster 30.

Precisamente Domato agradeceu o apoio municipal, nomeadamente o da Policía Local, que cortará o tráfico na zona (nalgúns puntos restrinxirao) para que a proba poida celebrarse con total seguridade. “Vai haber unhas medidas de seguridade excepcionais e agradecémolas”, tamén sinalou o xerente da Federación Galega de Ciclismo, Ricardo Terceiro. A organización valorou o esforzo da garda urbana mentres que Domato precisou que sería imposible sen o traballo da Policía Local.

A carreira “pon en valor ao pelotón Máster porque unha contrarreloxo é unha novidade para eles”, explicou Domato, que ademais apuntou que “será un circuíto pechado moi rápido e técnico, bo de ver para os afeccionados”.

Ata agora déronse cita neste Open Ibérico corredores de entre 25-30 equipos de afeccionados, algúns pertencentes ao norte de Portugal. O trofeo está previsto ás 10:00 horas do domingo. Será un percorrido de 9,6 quilómetros ao que o pelotón terá que dar dúas voltas ata completar 19,2 quilómetros de contrarreloxo cun trazado que se inicia na rúa principal de Navia (Teixugueiras) e que se dirixe a Bouzas e Samil para concluír novamente en Navia. Hoxe xoves péchase a inscrición e este venres a organización dará a coñecer a orde de saída dos equipos.

Os equipos sairán cada cinco minutos dende Teixugueiras, liña de saída e meta. Cada equipo comporase dun mínimo de tres e un máximo de cinco corredores, podendo inscribir cada club tantos equipos como queira. Todos puntúan para o Open Ibérico pero só os que teñan licenza galega pelexarán polo Campionato de Galicia Máster.

Noticia Original en Xornal de Vigo

Trofeo Concello de Vigo 2012 - Campeonato Gallego de Contrareloj Máster

Deportes, Eventos, Tráfico , , , , ,