Novedades para la Ley de Vivienda

La Xunta, a través del IGVS va anticipando algunas de las novedades para la próxima Ley de Vivienda:

“A FUTURA LEI DE VIVENDA INCIDIRÁ DE FORMA ESPECIAL NAS GARANTÍAS PARA OS ADQUIRENTES E USUARIOS DE VIVENDA

Santiago, 07 de xaneiro de 2012.- O proxecto de Lei de Vivenda que tramita a Xunta de Galicia inclúe regulacións orientadas a garantir o acceso á vivenda a quen realmente o necesita, partindo dos principios de igualdade e transparencia no acceso ás vivendas protexidas e ás axudas públicas, ao mesmo tempo que establece medidas que aportan seguridade xurídica ao mercado inmobiliario e garantías ás persoas adquirentes e usuarias das vivendas, constituíndo así un instrumento que aportará estabilidade e dinamismo ao sector e permitirá estimular a promoción e rehabilitación das vivendas en xeral e das protexidas en particular.

Os dereitos dos adquirentes e usuarios de vivendas veranse reforzados na nova lei grazas á sistematización dos aspectos referidos á publicidade, información e regulación do proceso de adquisición ou reserva de vivendas cando se atopan en construción ou cando xa están rematadas.

Futura construción
O proxecto de lei establece con claridade os dereitos dos consumidores na reserva de vivendas en fase de proxecto ou en construción, obrigando ao construtor a non allear a vivenda reservada a terceiros e concedendo á persoa que a reservou o dereito a decidir se finalmente compra ou non a vivenda reservada. Para que a reserva sexa firme o vendedor poderá solicitar do comprador a entrega dun anticipo, que en ningún caso poderá superar o 1% do prezo máximo estimado da vivenda, descontados os impostos, e que será deducido do prezo ao realizarse a compravenda. As cantidades entregadas como reserva serán recuperadas polo interesado se non se pode formalizar o contrato de compravenda por causas imputables ao vendedor, se a construción non chega a iniciarse ou rematarse nos prazos establecidos ou cando o prezo de venda definitivo supere ao máximo inicialmente estimado.

No caso de cooperativas, as cantidades anticipadas polos socios para adquisición de solo e construción das vivendas so poderán destinarse a ese fin.

No caso de adquisición ou reserva de vivendas en construción establecese a obrigatoriedade de que a vivenda entregada se corresponda fielmente co proxecto.

Vivendas rematadas
No caso de vivendas de nova construción, xa rematadas, o proxecto de lei establece que os promotores deberán contar antes da venda con licenza de primeira ocupación e, no caso de vivendas protexidas, coa cualificación definitivas das mesmas.

Asemade, o proxecto de lei establece detalladamente a documentación que o promotor deberá entregar ao comprador simultaneamente á sinatura do contrato no que se formalice a compravenda. Esta documentación refírese ás garantías sobre danos derivados de vicios e defectos na construción; o importe do préstamo hipotecario, as súas condicións e os requisitos para a subrogación; as instrucións de uso de servizos e instalacións e as correspondentes garantías; a licenza de primeira ocupación e, no caso de habelos, os estatutos da comunidade de propietarios, así como certificados de inexistencia de débedas coa comunidade de propietarios no caso de que estea constituída e a referencia catastral e rexistral da vivenda.

Os adquirentes poderán subrogarse no préstamo do promotor, sendo por conta deste os gastos de cancelación cando o adquirente opte por non subrogarse en dito préstamo.

Rexistro de promotores
Un aspecto novedoso e de especial interese para os adquirentes é o Rexistro de Promotores que creará a Xunta de Galicia, que será de carácter público e no que constarán datos fundamentais dos promotores que actúan en Galicia, como nome, domicilio social, data de constitución da sociedade ou de inicio de actividade, relación de medios materiais e persoais dos que dispón, relación de obras executadas nos últimos dez anos ou en curso de execución, sancións e resolucións xudiciais firmes que lle afecte e calquera outro dato que poida ser de interese para os adquirentes ou usuarios de vivendas.

Este Rexistro permitirá aos adquirentes de vivenda informarse previamente sobre os promotores daquelas vivendas que sexan do seu interese.

Vivendas protexidas
Os adquirentes de vivendas protexidas tamén verán reforzados os seus dereitos co proxecto de Lei de Vivenda, que prohibe expresamente que a venda de vivendas protexidas se condicione á adquisición doutros bens ou anexos non vinculados á vivenda, de maneira que o adquirente dunha vivenda protexida so estará obrigado a adquirir a praza de garaxe e o trasteiro vinculados á vivenda, pero non outros.

Asemade, o proxecto de lei establece unha redución no período en que as vivendas protexidas quedan sometidas a restricións de uso e transmisión, redución que se realizará en función das áreas xeográficas nas que se empracen as vivendas, de maneira que o prazo será menor nas zonas onde o prezo de venda da vivenda protexida e a libre se aproximan máis. Con carácter xeral os prazos de protección serán de 15 ou 25 anos, inda que no caso das vivendas que contan con maiores axudas públicas, como as de promoción pública ou as construídas en solos urbanizados pola iniciativa pública o prazo de protección será de trinta anos.

Finalmente, a futura Lei de Vivenda establece que as vivendas protexidas se poderán descualificar unha vez pasada a metade do prazo de protección que lles corresponde e sempre que previamente se devolvan todas as axudas recibidas.

Protección do adquirente
Como medida de protección dos adquirentes de boa fe afectados por actuacións administrativas declaradas ilegais non se poderá proceder á demolición dunha edificación ata unha vez finalizado o procedemento de responsabilidade patrimonial e que se puxera a disposición dos prexudicados a correspondente indemnización.”

Ver noticia original en el IGVS

Noticias, Servicios Públicos, Vivienda , ,