Comunicado oficial de la Xunta sobre la presentación de modificación del plan parcial

A XUNTA PRESENTA ANTE O CONCELLO DE VIGO A MODIFICACIÓN DAS FASES PENDENTES DO PLAN PARCIAL DE SAN PAIO DE NAVIA PARA A SÚA TRAMITACIÓN E POSTERIOR APROBACIÓN

– A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do IGVS, estivo traballando na adaptación das fases III-B, IV, V e VI do Plan Parcial de Navia ao novo PXOM tendo en conta dous obxectivos: atender as demandas dos veciños e veciñas, e lograr un maior aproveitamento da edificabilidade pendente.
– A proposta busca a integración gradual da parroquia de San Paio co novo ámbito urbanístico proxectando bloques de baixa altura; a construción de 1.442 novas vivendas de protección oficial e 1.853 novas prazas de aparcamento público.
– Persegue a creación de novos espazos de convivencia con 34.500 metros cadrados de zonas verdes e de esparcemento onde se conservarán as especies autóctonas; un carril-bici de 2,2 kilómetros de lonxitude; 6 novas conexións viarias do polígono coa cidade e, por último, unha mellor distribución das zonas de equipamento e uso terciario.
– A Xunta vai dando pasos no proceso administrativo con, por unha banda, a revogación dos acordos previos ao procedemento expropiatorio asinados no seu momento no marco do procedemento de adquisición pública dos terreos e, por outra, co inicio da tramitación ambiental e a entrega do informe de sostenibilidade ambiental ao Concello de Vigo.
– A partires de agora, o Concello de Vigo deberá continuar a tramitación urbanística para conseguir primeiro a aprobación inicial do documento e, despois, a definitiva.

Vigo, 19 de setembro de 2011.- A Xunta de Galicia remitiu hoxe mesmo ao Concello de Vigo a adaptación das etapas III-B, IV, V e VI do Plan Parcial de San Paio de Navia ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Tras meses de intenso traballo e múltiples reunións cos veciños e veciñas afectadas, esta mañá a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, e o director xeral do IGVS, Antonio Boné, acompañados dos responsables técnicos e arquitectos de levar a cabo a nova proposta urbanística, explicaron aos medios de comunicación a modificación puntual levada a cabo e que se presentou ante o Concello de Vigo para poder adaptar o desenrolo das fases pendentes do Plan Parcial de Navia á nova normativa urbanística municipal.

A delegada da Xunta en Vigo quixo deixar claro que dende o primeiro momento o traballo realizado perseguiu dous obxectivos xerais. Por unha banda, atender as demandas dos veciños de Navia con constantes comunicacións entre as partes e, por outra, lograr un maior aproveitamento da edificabilidade pendente.

Partindo desta premisa, a nova proposta urbanística conta xa co visto e prace da Asociación de Veciños e os afectados de Navia, que xa coñeceron no transcurso dunha asamblea informativa na que solicitaron a presenza dos representantes autonómicos para explicar ao resto da veciñanza os prantexamentos da Administración galega.

Molares explicou que a Xunta deu todos os pasos necesarios que lle corresponden no proceso administrativo e que, durante estes últimos meses, foron encamiñados en dous aspectos. Pimeiro, na revogación dos acordos previos ao procedemento expropiatorio asinados no seu día no marco do procedemento de adquisición pública dos terreos, trámite necesario para poder iniciar novamente o proceso de adquisición dos terreos afectados que contou cun período de audiencia pública e que se resolveu no mes de agosto. E segundo, de xeito paralelo, coa presentación e inicio da tramitación ambiental, é dicir, co sometemento do documento de inicio á avaliación ambiental estratéxica (EAE). Este informe de sostenibilidade ambiental tamén se entregará no Concello.

Con todo, unha vez que hoxe se presentou toda a documentación ante o Concello de Vigo, agora será a Administración local a encargada de iniciar o procedemento de información pública e emitir os correspondentes informes previos -técnicos e xurídicos- co fin de lograr a aprobación inicial do documento e, despois, a definitiva. A delegada da Xunta esperou que o procedemento siga os ritmos de tramitación habituais e que non haxa maiores problemas.

Principais liñas de actuación

Na comparecencia ante os medios de comunicación, tanto a delegada territorial coma o director xeral do IGVS destacaron o feito de que as principais liñas de actuación da proposta perseguen, sobre todo, a integración gradual da parroquia de San Paio co novo ámbito urbanístico. Deste xeito, se proxectan maioritariamente bloques de baixa altura e a construción dun número maior de vivendas de protección oficial, pasando das 613 iniciais a un total de 1.442 novas vivendas.

Ademais, crearanse novos espazos de convivencia con 34.500 metros cadrados de zonas verdes e de esparcemento -onde se conservarán as especies autóctonas- e un carril-bici de 2,2 kilómetros de lonxitude.

Por outra banda, tamén haberá 1.853 novas prazas de aparcamento público e 6 novas conexións viarias do polígono coa cidade. Por último, se proxecta unha mellor distribución das zonas de equipamento e uso terciario.

Creación de 1.442 novas vivendas

A modificación do Plan Parcial de Navia proxecta así máis do dobre de vivendas mantendo a edificabilidade residencial que se contempla no PXOM (179.324 m2).

Serán un total de 1.442 vivendas, das cales 1.120 serán colectivas e construídas en 27 bloques de edificios. A maioría destes bloques (21) serán de baixa altura (de dous ou tres pisos) e soamente haberá dous bloques de oito alturas mentras que os catro restantes serán de sete alturas. O obxectivo é buscar o carácter integrador do novo PAU á parroquia de Navia. O resto das vivendas (322) serán adosadas, pareadas ou illadas.

Novos espazos públicos de convivencia e carril-bici

Outra das liñas de actuación que se persegue é conseguir que o novo barrio sexa un punto de encontro dos veciños, un lugar de estancia e paseo. Para o cal se proxecta a existencia dun vial de cohesión, unha vía verde que será un elemento vertebrador que ten coma finalidade lograr un espazo humanizado. Nesta zona terá prioridade o peón e o ciclista, haberá tráfico lento e un sentido único de circulación. Caracterizarase polos seus 15 metros de ancho, 1,3 kilómetros de lonxitude, zonas verdes de estancia e predominio de arbolado.

Para continuar coa máxima dun espazo humanizado, mención aparte merece a creación dun carril-bici seguindo a liña desta vía verde. A través das etapas III-B, IV e V, conectará a Avenida de Europa co paseo do Lagares. Serán 2,2 kilómetros de lonxitude cun ancho de 6 metros.

Novas zonas verdes

Será un aspecto clave en termos medioambientais e ecolóxicos da proposta do Plan Parcial. Se prantexan 34.500 m2 de espazos libres e zonas verdes onde terá especial incidencia a conservación das especies autóctonas –protección das carballeiras existentes- e a creación de 2 novas alamedas públicas. O obxectivo non é outro que lograr unha integración total co barrio de Navia a través destes novos espazos de uso e disfrute de toda a parroquia.

Mellorar as conexións e comunicacións
Un dos aspectos máis reseñables da adaptación do Plan Parcial ao novo PXOM é a mellora das conexións e comunicacións viarias. Deste xeito, destaca a creación de 6 novos enlaces e conexións do PAU coa parroquia e co resto da cidade. Así, se levará a cabo:
1) unha conexión directa de entrada e saída coa Avenida de Europa cunha nova rotonda no entorno do colexio Amor de Dios, concretamente, á altura do actual semáforo e paso de peóns para dirixirse ao centro educativo.
2) unha conexión baixo a VG-20 que unirá a rúa Teixugueiras co actual Camino dos Pelaios, no barrio de Coia.
3) unha conexión dunha das 2 alamedas de nova creación coa alameda da parroquia de San Paio de Navia.
4) outra conexión coa Avenida de Europa.
5) unha conexión coa rúa San Paio.
6) unha conexión coa rúa Xuncal.

Mellor reparto e distribución do equipamento e do uso terciario
Por último, realizáronse cambios e unha mellor distribución das zonas de equipamento e servizos. Anteriormente se concentraban na etapa VI e, agora, existe un reparto entre todas as etapas que faltan por desenvolverse.

Desta maneira, se contará cun total de 24.484 m2 de equipamentos para posibles usos educativos, deportivos, culturais, sociais, sanitarios ou administrativos; e 51.210 m2 de uso terciario (dotacional, oficinas, hosteleiro, comercio, aparcamento)

Infraestructuras, Servicios Públicos, Vecindad, Vivienda , , , , ,